Tuesday 14 de May de 2024

Os alcaldes e alcaldesas analizaron as 60 accións incluídas no Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte


Na reunión, que tivo lugar hoxe en Vimianzo, participaron tanto os rexedores como os ADL dos 14 concellos que se uniron para elaborar este documento.

Os alcaldes e alcaldesas dos 14 concellos da comarca que se uniron para elaborar o Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte reuníronse hoxe en Vimianzo para analizar as conclusións do documento encargado aos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) e no que se recollen un total de 60 accións.
Nesta reunión participaron de forma presencial a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido; o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua. Debido á limitación de aforo establecida para a Fase 1 da desescalada o resto de rexedores (Carnota, Mazaricos, Corcubión, Fisterra, Muxía, Dumbría, Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas) sumáronse a través de videoconferencia.
A ADL de Camariñas, María Jiménez; a ADL vimiancesa, Rosa Sánchez, e o seu hómologo de Cee, Juan Carlos Santabaya, foron os encargados de expoñerlle aos rexedores os pormenores do plan. Unha folla de ruta que pretende facilitar a toma de decisións das alcaldías dentro das súas competencias e que pretende minimizar os efectos negativos da pandemia, acurtar o prazo de recuperación, consolidar a sustentabilidade social, económica e medioambiental do territorio, reforzar a identidade territorial e
colaborar cos diferentes grupos de interese da comarca. Cada unha das 60 propostas está enmarcada dentro duns eixos estratéxicos específicos (talento, gobernanza, reactivación económica, consumo e comercio de proximidade ou valorización do rural) a través dos que se acadarían obxectivos diferentes.

O obxectivo deste encontro era o de poñer en común o documento para, entre todos, rematar de perfilalo ao engadir, modificar ou desbotar algunha das liñas. “Por dicilo dalgún xeito, é un plan vivo que se presenta como un menú á carta onde agora cada alcalde ou alcaldesa pode escoller as accións que máis lle conveñan polas características do seu territorio e decidir se algunha a aplica de xeito individual no seu Concello e outras as propón de forma conxunta con máis administracións”, explicaron desde o comité de traballo dos ADL.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, remarcou que “este Plan demostra que os concellos da comarca podemos traballar unidos na busca dun obxectivo común, que neste caso é o de minimizar o máximo posible os efectos desta crise sanitaria na economía dos nosos veciños e veciñas”.
Ademais, Sandra Insua explicou que “pola nosa parte esta semana vamos a ter unha xuntanza co tecido empresarial de Camariñas na que lles presentaremos o plan e as actuacións que pensamos máis válidas para o noso Concello, escoitando tamén as súas propostas para coordinar así o desenvolvemento dun plan conxunto”.
Liñas principais
Houbo varias propostas que se desenvolveron dun xeito máis profundo por parte do comité de traballo, principalmente por dous motivos: por ser unha mostra representativa do conxunto de accións do plan e para amosar o nivel de detalle que adquirirían as propostas que se leven a cabo. Foron:
 Creación dunha plataforma de venda online e a domicilio para as empresas locais.
 Axudas directas ao tecido empresarial local afectado pola COVID-19.
 Posta en valor do monte de propiedade municipal.
 Mesa de concertación: mellora dos procedementos administrativos locais para empresas.
 Rede de mercados e mercadillos Costa da Morte.
 Lonxa agropecuaria da Costa da Morte.